
A Inspección de Traballo e Seguridade Social é un servizo público ao que lle corresponde exercer a vixilancia do cumprimento das normas de orde social e esixir as responsabilidades correspondentes en caso de infracción ou incumprimento.
Ademais da función de policía social, velando para que se respecten os dereitos e facultades establecidos no ordenamento xurídico, a inspección está chamada a desenvolver, na súa calidade de operador xurídico na área sociolaboral, funcións de información, asesoramento e advertencia de cara a lles facilitar aos axentes sociais o cumprimento dos respectivos deberes e obrigas, así como as de conciliación, mediación e arbitraxe nos conflitos ou situacións de tensión que se produzan no ámbito das relacións laborais.
A inspección desenvolve, así mesmo, funcións de informe e asesoramento técnico aos órganos xurisdicionais ou administrativos por solicitude destes.Finalmente, a Inspección de Traballo atende as consultas, queixas, reclamacións ou denuncias que, verbalmente ou por escrito, presenten os cidadáns.
O sistema español de Inspección de Traballo e Seguridade Social caracterízase polo seu carácter integrado e globalizador, de forma que a súa misión se estende á normativa ordenadora do traballo -tales como contratos, xornada de traballo, salarios- e relacións sindicais; prevención de riscos laborais; normativa do sistema de Seguridade Social, afiliación, alta, cotización, prestacións, emprego e desemprego, formación profesional, traballo de estranxeiros, desigualdade ou discriminación laboral.
Aínda que a Inspección de Traballo é unha das institucións da orde social máis antigas -o ano 2006 conmemórase o centenario da súa constitución-, a súa estrutura e funcionamento actuais adecúanse aos convenios 81 e 129 da Organización Internacional do Traballo (OIT) e á actual configuración institucional do Estado, na que o sistema da inspección, a través de mecanismos permanentes de colaboración e cooperación, lles presta os seus servizos tanto á Administración xeral do Estado como ás comunidades autónomas, de acordo coa distribución competencial legalmente establecida.A Inspección de Traballo, en exercicio das funcións sociais que ten atribuídas, aposta de forma decidida por unha actuación caracterizada polos principios de celeridade, transparencia, calidade no servizo, consistencia e proporcionalidade nas actuacións; e pon á disposición de todos os cidadáns unha información actualizada con obxecto de que se poida acceder de forma áxil e sinxela ao coñecemento e á mellora dos servizos.